A nosa cultura, respecto dos cantos de Nadal, é moi rica e variada xa que non falamos só de vilancicos ou panxoliñas senón que podemos distinguir ata seis tipos de cantos segundo o momento no que se interpretan e o tema concreto do que falan:
Os Vilancicos, segundo Carlos Villanueva da USC, son as pezas que se cantan nas igrexas e que están ligadas sobre todo á liturxia de Noiteboa, na misa do Galo e a de Nadal. A temática é o nacemento do Neno sempre dende o máis absoluto respecto.
As Panxoliñas teñen un carácter máis festivo aínda que o tema segue sendo unha chamada a fraternidade arredor do pesebre.
O Arrolo é unha panxoliña adicada concretamente a anainar e durmir ó Neno recén nacido.
Os Aguinaldos usábanse máis antigamente. Na actualidade este costume parece que se vai perdendo. Sobre todo, os nenos ían de casa en casa pedindo o aguinaldo ós veciños , e estes dábanlles ou doces ou diñeiro. Caracterízanse polo seu enxeño e ironía e apelan á xenerosidade da xente.
Os Aninovos non son concretamente de temática cristiá. Cántanse o un de xaneiro e neles adoitan aparecer supersticións do pobo sobre o comezo do ano.
Os Manoeles son cantos que se interpretan no primeiro día do ano, día de san Manoel, e están adicados tamén ó Neno Xesús que acaba de nacer.
Os Cantos de Reis son típicos do 5 de xaneiro. Son pequenas composicións que a xente entoa dividida en dous grupos e que narran a historia do nacemento de Neno Xesús e a chegada dos Reis Magos.
Elaborado polos alumnos de 4º de ESO con información de Galipedia.org e Vieiros.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario